Citröen

Los carros de mi casa
 tenían los retrovisores pegados con silicona

Mara Pastor

 

O citröen que eu conducía

Tiña os espellos fendidos, amañados

Con plástico adhesivo,

Sen cartos para uns novos.

 

E os espellos rotos,

Como un caleidoscopio,

Proxectaban un sen fin de imaxes

De filme surreal:

Homes embriagados ao volante,

Mulleres agredidas

A pintárense os labios,

Cans abandonados nos asentos de atrás,

Delincuentes disfrazados,

Monxas que rezaban,

Homes a fumar herbas e resinas de cánamo,

Parellas

Que viñan de casar,

Autocarros, ambulancias,

E músicos, cantantes, camiño dun concerto,

Vendedores de gorros e sombreiros,

De discos e de libros,

Roupa vella, mobiliario,

E froitas importadas, exóticas,

Do país,

Pescadores, raparigos con táboas de surf,

Ou turistas, policías,

Profesoras que saían das escolas,

Enfermeiras, camareiros.

 

E por veces comezabas a contar

E perdíaste no número, no cálculo, na cifra,

E caías de regreso na palabra.

 

E volvías contar os vehículos, as casas,

Nos espellos recompostos

Con plástico adhesivo,

De novo asolagados de espazos e de xente

A correr para chegar

Ás casas, ás escolas, aos traballos,

Policías a multarte polo exceso,

A preguntar polos espellos,

Por andares por aí a ollar caleidoscopios.

E volvían homes chispos, vagabundos,

Ofrecéndoche os seus panos de papel polos semáforos,

E princesas bailarinas e raíñas de barrio,

E o mar como outro espello tamén roto,

Aborrallado,

Nos decembros sen fin.

 

Ou fuxías da cidade,

Para o monte,

Para o sur,

Para os ríos e a estación ferroviaria.

Ou erguías a revolta no interior daquel citröen

E proclamabas o amor,

Moito antes do ar condicionado,

Nos xaneiros de frío

E nos agostos de luz.

 

E moito penso agora naquel vello citröen

Dos espellos recompostos

Con plástico adhesivo.

 

Porque o pasado de Galicia só pode verse

Nun espello roto con anacos mal pegados:

Lembranzas que gañaron o mofo e o balor

Mais tan próximas como a costra dunha chaga.

 

citron-2cv-carrinha-ak-julho80-venda-ligeiros-20150509141109