“E sinto que a minha morte –
Minha dispersão total –
Existe lá longe, ao norte,
Numa grande capital”.Mário de Sáa Carneiro
Pouco duran os suicidas
Cando a morte se lles prende
Como un fume de arredor,
Un tufo, unha poeira,
Ese bafo pestilente
Do tempo que se para.
Á beira do cantil o corpo xa non sente,
Embrullado polo voo da súa caída,
En aneis de pedra e cactus,
O peso que despraza sobre a noite.
Quen entra na cidade chamando polo espectro
Dos montes e das horas?
Quen espreita no lugar
Un refugallo de borra que se estende,
Fugaz como unha sombra polo espello,
Un brillo de cor negra, unha tristeza?
Hoxe a noite é un monte gris,
Un penedo de granito,
Do tamaño dos teus soños,
Coa firmeza da soidade,
Romántico de vez,
Asmático noutrora.
Derrota o teu naufraxio,
Afórca o teu fracaso
Co sombreiro inclinado para atrás.
E prende no seu peito unha camelia.
Nin a bala nin o arsénico.
O seu será voar.