O importante é que este texto teña forma de poema,
Que o seu corpo se delate como os cisnes entre a néboa,
E haxa un fío que una as liñas,
Un metal a revestir
Os solemnes pavillóns de chan entabulado
En que soen os pianos
Para a clase de danza.
O importante é que Perugia teña aberto
O seu tempo ás emocións,
A súa boca a esta pregaria,
As súas salas de concertos ao silencio dos ríos,
E que igual que un vagabundo,
A soprar desde unha fenda do horizonte,
O vento varra as rúas
De finais de setembro.
Ninguén estea aquí.
Ninguén regrese nunca.
Eu mesmo non cheguei.
É falso canto digo.
Son os lindes do imposible
Os que achegan o seu voo.
Son as sombras polo espazo
As que gañan a batalla,
Capital de toda Umbría.