“Hai días en que evito mirar para os espellos,
Deitar a ollada escura nos brillos do mundo
E ver pola distancia un baile de sonámbulos.
E fico a contemplar por baixo do sombreiro,
Nas quebras do cristal,
Nas chagas do vidro,
O sangue que pigmenta a letra dos meus psalmos,
A música do enigma.
Ninguén pode, durmido, miralos sen deixar
Na mente unha arandela,
Un círculo,
Unha ponte.
A corda que une o espectro
Destas sombras irisadas
Á porta que se abre
No alto dunha torre”.
Así falou o vello, aquel que se prodiga
No músculo dos signos,
No pálpito das cousas.
E fíxoo a calibrar a forma en que a distancia
Minguando a claridade
Se abate no solpor.