Hai pouco nunha feira vin un par de nabiñeiros,
Tamén chamados liñaceiros e parentes dos canarios.
Plumaxe de tons pardos. Peito e testa colorados.
Cando o vello preguntou polo afán con que os miraba
E anuncioume o que valían
(Vinte euros a parella)
Respondinlle que compralos,
Mesmo dentro da gaiola,
Cun saquiño de gran para a mantenza.
Pasei varias xornadas a gozar da marabilla.
O seu canto barulleiro de chirlos e píos
A ecoar dentro da casa.
Hoxe optei por camiñar.
Vou andando de vagar, entre as follas carcomidas,
A sentir como escintilan polo estómago burbullas
De fósforo e tristeza.
Hai fervenzas moi escuras que semellan labaradas,
Carballeiras case negras, estampadas de luz.
Abro a porta da gaiola.