Máis nubes

As nubes que che marcan o camiño.

As nubes cara adentro que medran no interior.

Aquelas que desprenden poalla na noitiña

Ou forman veos de ausencia ou de distancia.

 

Retratas moitas tardes os seus mantos,

Entre o gris e o aborrallado,

O cinéreo e o soturno.

As súas longas vestiduras,

Os seus hábitos de freiras,

Os disfraces que recobren como capas

O baleiro e o silencio,

A túnica das tebras.

 

E volves para casa coas figuras,

Na cámara gardadas como exemplo

Do mundo como un filme, un espectáculo,

A danza que executan os vapores e os ventos,

O rito de salón que se presenta,

Diáfana liturxia,

Coas formas que acontecen.

 

Quen che dera como oficio

O de andar contando nubes.

Moito apuro polo inverno.

Mais, no estío, toda a lúa.

 

27122811020_a05e9268dd_k

da miña colección de nubes.