A vida sen dor e sen color
E sen pasado
Naufraga cando proen
As chagas da memoria
E asoman polos soños,
Navíos dunha frota de conquista,
Os medos que Azar funda,
O terror do inesperado.
Aquilo que a poeira dos anos ocultou
E enmarca a nova porta
Do edén ou dos infernos.
Lembro agora os nosos días pola ágora,
As lúas que os estíos reflectían no mármore,
A brisa acariñando as nádegas e os ventres,
O xeito en que a beleza nos fundou
Sen altos para avisos nin pausa para o gozo,
Que o tempo non ten tempo para dar
Nin sobras que estragar
Nin restos que fundir dilapidando.
Austero sempre o tempo.
Estrito e circunspecto.
Así que nunca esquezas
O que Píndaro nos dixo:
Que andan nas raíces dos días precedentes
As flores do vindeiro.
Nin nada do que Eurípides dispuxo:
Que é o inesperado aquilo que acontece.
Para ben e para mal.
O que acontece.