Anda o outono a declararse
Territorio do azar,
Comarca da fortuna,
País da continxencia.
Outono, esa cidade
De aves e de árbores
Que existe máis ao norte.
Outono, o labirinto
Que vira para o punto do solpor,
Declárase lugar
Da luz do acontecer.
Illa libre do funesto,
Cemiterio da vontade.
Son moitos os camiños que viraban por aquí,
Moitas brisas que vertían o seu pulso inaugural
Para as augas e os ríos,
Para o centro das chuvias,
Para o encontro das estradas que conducen
Sen sabermos cara a onde.
Despois de moitos anos a fortuna documenta
Os rumbos silentes da historia,
Unha brúxula que cae dando voltas na corrente,
A baralla que esparexe desde o alto dunha torre
Este vento sideral,
Este cólico do tempo.