E agora estás aquí
Ollando ese historial
Que o médico repasa:
O curso da túa vida.
A historia do teu corpo
Brillando na pantalla.
O sulco das túas mans
A xeito de pintura ou de borrancho.
Escoitas a elocuencia
Das cifras, consideras
Ficares aí parado.
Deter a sucesión,
O círculo do tempo.
Non falo dos instantes ilusorios
Da vida que se esvae,
Das horas que se verten
Igual que unha garrafa.
Nin días que derramen
A aura sobre o mundo,
Nin horas a ciscar
Poeiras de feitizo.
Que falo do intervalo,
Do treito, do traxecto
Que nunca ten lugar.
Do místico salón
Do brinco no vacío,
Do cólico de nada.