Cultivo desde hai días esta planta de linguaxe,

Este estraño xirasol.

 

Sei que tiña un nome escrito e gravado na memoria,

Algúns trazos debuxados como espectros no papel,

Mais non sei onde ficaron.

 

Era o nome que me deran,

O vocábulo que viña da raíz,

O meu rótulo de estirpe.

 

Era o nome que traía

Desde os séculos dos séculos.

 

Esquecino sen querer. Nun instante o tempo puxo

Os seus dedos delicados nalgún punto da memoria

E premeu para que o sangue espallase no seu curso

Un esteiro de lagartos e de algas,

Unha foz de lamas rotas,

Un canón de bocas idas.

 

E hoxe escoito como a sombra

Vai pasando de vagar

O seu ferro moi a modo

Nas mortallas dos nomes.

Hai un mar de néboa antiga

Que pertence a outro país,

A outra néboa, a outra cidade,

Que esparexe unha fariña,

Un vapor de leite branco.

 

Porque o poeta non é máis

Que o que ausculta polo fondo

Como a sombra pasa o ferro

Nas mortallas dos nomes.

 

Estas roupas da ruína,

Abelorios do deceso,

Vestimentas do fin.

 

Son os nomes que propoño

Como traxes dunha voda,

Para o séquito nupcial.

 

Himeneo e desposorio,

Das palabras coa vertixe,

Coa agonía, co fracaso.

 

Son palabras falecidas,

Os meus nomes máis extintos,

Xuramentos.

 

SONY DSC

One thought on “

  1. Pingback: O Ximnasio de Academo

Os comentarios están pechados.