Ando privado de falar,
No estado de quen cala.
Teño calma, paz, sosego,
E estou sentado aquí, sentindo esta beleza
Da noite iluminada
E a lúa que semella pesar como unha esponxa,
Verter como unha esponxa de espellos e de prata
Ou calquera outro elemento metálico, brillante,
Denso e dúctil e empregado
Por ourives e alquimistas
En compor estas alfaias
De instantes que se espallan,
E que duran,
Agora que a linguaxe está perdida
E sinto o mesmo brillo da lúa na conciencia.
Esta áxil avenida, galardón de ter andado,
Trae os ecos do que a vida nos dispuxo en agasallo,
O seu rápido traxecto, alongada travesía.
Vexo agora o meu destino:
O solpor dun camiñante.