a Paco Sampedro
Haberá quen diga que xa escribimos abondo sobre a morte.
E que igual que a primavera nos convoca a celebrar
Os misterios do fervor,
Despois dos cumios e do cénit,
Despois dos interludios e as pausas,
Ao chegaren os camiños que desandan,
Os regatos que se abisman en fervenzas e abanqueiros
Cara aos leitos do mar,
Chega o tempo das esperas,
Das tardes sen fin,
Das noites a derreterse como lacre,
A imprimirnos sobre a pel
Como unha carta derradeira
O carimbo das últimas citas,
A canción da despedida.
Vexo imaxes que nos mostran
A Xesús co corazón fóra do peito,
Nos cartóns que che agasallan
Nas entradas das igrexas,
Cos seus dedos a afagar o mesmo pericardio,
Envolto nunha chama de misterio,
O espeto dunha cruz sobre a carne divina.
E lembro o gozo de Lacan,
Seminario 3, As psicoses, aula 3, 30/11/1955.
Oh daqueles que triunfaron e conquistaron o gozo.
Xa incapaces doutra cousa.
Xa perdida a humanidade.
O valor de uso convertido
En la valeur de jouissance,
Economía do inconsciente.