E anda a brisa deste outono a debuxar
A memoria sobre a pel
Como se andase a repartir as horas perdidas,
Como se fose a súa obriga soprar nunha corneta
E facer que na lembranza aparezan as prazas
Que eu supuña esborralladas,
Evidencias que revelan que houbo outonos e houbo ocasos,
Que houbo espellos e inventarios,
E non só regresan sombras imprecisas e deformes,
E palabras que me asaltan entre vidros
Escachados,
Tronzados,
Rotos.