Odisea XVII. Anagnórise de Argos.
O esmoleiro que demanda compaixón,
Ese refugallo que Atenea cubríu con atavíos,
Aquel que ninguén coñece
E que está a volver a casa,
Vinte anos despois,
Resulta, velo de intuír,
Aquel baril bo mozo que guiou
O teu curso orixinal na montería
De cervos e de lebres cando eras
Áxil e espelido, desenvolto,
E non estoutro refugallo
Deitado sobre o esterco.
Mesmo así,
Cos instintos que sinalan na amizade
Aqueles que son teus, a ollada xa dirixes
Ao infausto e malpocado que se achega,
Ulises que regresa canda os seus,
E a ti, esvelto galgo outrora,
Tamén te recoñece.
Son horas da vinganza dos traidores,
Ti, can, a sufrires sobre o esterco,
Argos fiel, porque lembrabas
O amigo que levaron
As naves e as mareas,
O que deron por defunto, morador
Das marxes da outra beira,
Agora felizmente regresado.
Vello Argos,
Caro galgo,
E nós, aquí coitados.
Quen nos dera merecerte.