Percorro nestes días a senda dos meus nomes,
Carreiros e camiños de rótulos de gloria,
As vías e os traxectos dos alcumes da fama.
Ando en círculos, transito
Por vocábulos e voces,
E propago, contamino
O seu chío de tristeza.
E o aroma das mazás
Ou da flor da laranxeira.
Baixo e subo, deambulo
Por outeiros como verbos.
E sento a descansar
Xunto a ríos adxectivos.
Son as augas dun torrente que se achega desde o fondo,
O rumor que se acrecenta por cadoiros e abanqueiros,
O incesante bater
Dun enxeño de sombra,
Unha chaga que fala entre neves e sol.
Oh himen, himeneo.