Dos coitados, dos feridos,
Dos que sofren a desdita,
Ten piedade, solpor.
Dos que aturan a distancia
E soportan o destempo,
Ten piedade, solpor.
Dos queimados polo lume
Nas fogueiras do vivir,
Dos errantes sen consolo,
Vagabundos, fuxidíos,
Ten piedade, solpor.
Dos que en páxinas escuras
E perfumes de misterio
E en ignotos pentagramas
Ven a tebra da túa luz,
Ten piedade, solpor.
Dos que en corpo consumido
Cruzan séculos de vida,
En vivendas, en moradas,
A tocaren o piano
Entre ánforas de outrora,
Ten piedade, solpor.
Dos errantes ou vadíos
Ou dos presos e exiliados,
Ten piedade, solpor.
Dos escuros, dos sombrizos,
Dos que erraron no seu rumbo
E mancaron o camiño,
E igualiño que os pelouros
A rebolos sobre a lama
Viran, brincan e perseguen
O sabor dunha laranxa,
Ten piedade, solpor.
Dos que levan un inverno
E unha idade sen presente;
Dos roídos polos vermes,
Vagabundos e moinantes,
Dos que rouban unha sombra
En escuros almacéns,
Ten piedade, solpor.
Dos que en barcos afundidos
Ou no alto dos cantís,
Carretaban un farol
E finxíanse monarcas;
Dos que en tempos de fatiga
Cando nada se escoitaba
Acenderon un cordel
Sobre un prato de aceite,
Ten piedade, solpor.
E perdóanos, solpor,
Pai da Santa Noite Excelsa,
Nai da lúa arrebatada,
Por tanta luz de vida,
Por tanto amañecer,
Por tanto cénit branco.