Como un monte que eu levase
Sobre o lombo a derrubarse
E fose vertendo cascallos, minerais,
Pedregullos e lixo,
Así a vida que vivín
E que fun esparexendo
Nas palabras,
Nos poemas.
Como un campo cheo de minas
Que ninguén atravesase
Por temor aos estouridos.
Porque hai palabras e poemas que rebentan
E che obrigan a sangrar.
Cando encontras, nas tinturas
Que entreteces ao filtralas
Coas materias dos teus soños,
Nos pigmentos que a luz varre
Con anacos de néboa,
Chagas vellas que xa dabas
Por curadas,
Por perdidas;
Cicatrices sobre a pel que inda supuran,
As pústulas do tempo,
As úlceras dos anos.
Como árbore que axita o temporal,
Como as tellas que a tormenta precipita,
Como as pingas dunha neve que derrete.
Esta voz.
Este cantar dos arreguizos.