EXISTEN fotos vellas que falan como libros,
Retratos que difunden cancións e bolboretas,
Disparos dunha cámara gravados en papel
Deitando un voo de cinza, de pranto, de piedade.
Existen porque foron tiradas unha vez.
Alguén chegou e dixo fagamos unha foto
E aquilo foi a máis. Tomáronse instantáneas,
Os rostros dispuxeron a máscara feliz
E todos tan sorrintes, tan fáciles de ver,
Sen dúbida ocultando feridas, cicatrices.
De certo a procurar obter a imaxe grata,
A imaxe que puidésemos gardar como memoria.
E as fotos non enganan. Silentes, sempre emiten.
Non deixan de dicir. E gritan como aves
No alto das estatuas.