Threnoi, de Xavier Seoane
Ed. Reino de Cordelia, Edición bilingüe, castelán-galego, Madrid, 2016, 10,93€
Xavier Seoane (A Coruña, 1954) é un dos grandes poetas galegos da Xeración dos 80. Autor dunha profusa obra, que atinxe, fundamentalmente, a poesía e o ensaio literario, aínda que tamén ten feito incursións por outros xéneros como a narrativa, publica Threnói, un volume contendo corenta cantos que supón, na miña opinión, un xiro significativo na súa obra poética.
Unhas das cousas verdadeiramente interesante da obra de Seoane é o feito de ter acompañado a súa produción poética con volumes que ilustran con detalle o pensamento poético que o acompaña, de tal maneira que, por exemplo, en libros como O sol de Homero encontramos unha ardorosa defensa da poesía como catarse e como comunicación, como producción de sentido e como vía de coñecemento. Xavier, ademais, é un refinadísimo crítico de arte, como o proban as súas numerosas, tanto en libro como en artigos, aportacións, e ten seguido moi polo miúdo a produción poética galega dás últimas décadas, sempre desde unha perspectiva crítica que denota unha posición firmemente asentada.
Seoane é contrario “ao uso de recursos tipográficos ou gráficos gratuítos; o prosaísmo innecesario; o abuso de sintaxes abstrusas; un culturalismo excesivo; unha creación metafórica, simbólica ou estilística banal ou descoidada; a ausencia do máis mínimo sentido musical; a desarticulación discursiva; o tremendismo epatante; o abuso e maltrato da escrita automática; do minimalismo baleiro; da procura excitada de non se sabe que vagas formas de orixinalidade, cando non de pura “rareza”; unha certa alerxia á sinxeleza, á naturalidade, á funcionalidade conceptual, expresiva, rítmica…” (copio do excelente artigo “Non todo vale”, publicado na último número da revista Grial).
Esta alerta mantida por Seoane, ao longo dos últimos lustros, é moi significativa, toda vez que nos ilustra destoutra que os Threnói que agora comentamos testemuñan. É o mundo enteiro, a través dun sistema social e económico, o que está a virse abaixo. E, diante desta devacle, ao poeta non lle é dado máis que cantar. Cantar para deixar constancia e tamén para erguer a voz perante este soño da razón que está a enxendrar monstruos. Desde o enterro dos Dereitos do Home do primeiro canto ao timbais de guera do segundo ou á chamada á alistamento do terceiro, Seoane demóstranos como o bo gusto non está para nada reñido co compromiso da palabra coa denuncia da inxustiza, da banalidade, da corrupción, da violencia vil dos estados contra os cidadáns. “Non digas que todos temos un aire financeiro. Que todos temos cadáveres debaixo da cama. Que todos acosamos. Que todos somos verdugos e fiscais. Que a inocencia é un paxaro morto nunca visto nas rúas das maltreitas cidades”.
Dicía Roland Barthes que unha das pautas centrais e radicais da semiótica era o desvelamento da mentira que subxace na linguaxe, en toda linguaxe, e como esa linguaxe era o disfrace da burguesía e dos seus intereses máis espúreos. Eu sosteño que acaso esa sexa tamén unha das funcións da poesía moderna: darnos conta dos numerosos ecos falaces que subsisten en case todo o que escoitamos, discursos, publicidade, propaganda, relatos subliminais asentados na imaxe. Por iso o falar raro dos poetas só pode ser liberador. Nun mundo en que os significantes básicos (democracia, liberdade, pobo, xustiza, verdade…) viven secuestrados pola opresión, ao servizo da desigualdade, ao poeta cábelle volver nomear o mundo desde a inocencia, desde a cobiza do imposible. Primeiro, para liberar as palabras e, segundo, para liberar o mundo. E así, Seoane, descobre e descóbrenos, a través destes poemas, como toda unha linguaxe capturada e cativa reclama a súa inmediata liberación desde a decencia. Palabras que en ningún caso quixeron devir en sepultura do mal, da vileza, e que agora o poeta volve pronunciar bendicídoas.
Creo que, efectivamente, hai algo de bendición neste discurso. E que este dicir ben sitúase fronte ao mal dito, fronte ao mal dicir dun mundo que reclama a presenza efectiva da poesía para volverse nomear, para volver ser dito, simplemente dito, logo de maldito.
“Xerarcas, mandatarios, comerciantes, practican a sevicia dunha dobre linguaxe. Maldíceos, oh Musa. Filósofo, destérraos da Ágora”. Asistimos a unha refundación da palabra como arma, mesmo da ira como pulsión que subxace por baixo do lirismo. Porque Seoane non pretender cruzar ningún río que o sitúe fóra da súa patria natural nos máis de corenta anos que leva a exercer publicamente como poeta. Non se trata dun rapto épico ou dun arrebato arengatario que teña como interlocutor unha masa difusa á que instruír para a inmediata batalla. Antes ben, o libro é unha confesión íntima dos estragos que estes tempos crus andan a causar polas conciencias. Unha revelación que é, ao mesmo tempo, unha denuncia.
“Poetas deixaivos tonsurar ante de que vos rabenen a caluga de tímido paxaro que no voso coco late. Loade o cociñeiro do censor, loade a meretriz do xerifalte e o gigoló da raíña das finanzas. Acudide puntuais ás nupcias do oligarca e admirade, ante todo a vestimenta talar e o zapatiño vermello que campa no xeriátricos cónclaves dos cardeais. Fatigade as trompetas, golpeade os timbais, amigos de Horacio e de Marcial. Que a musa despregue os diferentes rexistros da retórica e distenda lexemas e metáforas con habelencia áurea”.
Unha poesía corrupta será a chaga que ningunha medicina poderá sandar. Seoane grítao e faino oír. Quedades avisados.