A definición do que é un poema, e do que é a poesía, comeza polo seu contrario: polo que non é un poema. Cando algo que non é un poema comeza a ser un poema? E, cando algo que si é un poema comeza a deixar de selo? É sabido que a poesía linda cunha chea de disciplinas coas que moitas veces se confonde ou se mestura. A música, a filosofía, o teatro, as artes plásticas, audiovisuais, a publicidade… O vigor histórico demostrado pola poesía, por máis que boutades como a pos-poesía queiran porlle unha data de caducidade, vén, xustamente, da súa capacidade para adaptarse e fundirse con toda esa lateralidade, con todos eses parentes próximos e colindantes. Unha boa mostra diso vén sendo nos últimos anos o labor desenvolvido por Silvia Penas e Cinta Adhesiva, a factoría sonora e audiovisual que a acompaña e que ten levado a cabo centos de recitais e actos poéticos por toda a xeografía do país. Digamos que unha cousa é Silvia Penas, en particular, e outra, Cinta Adhesiva, ou Silvia con Cinta Adhevisa.
A propia Cinta Adhesiva defínese como “proxecto literario-musical, que sobre o fío condutor da música de Jesús Andrés Tejada e Pablo Muñíz e o vídeo de Area Erina, os textos de Silvia Penas van dotando de significado as melodías, os ritmos, a cadencia e as imaxes. Trátase dunha totalidade orgánica onde texto, música e vídeo non se acompañan, senón que tratan de fundirse e confundirse. Incluso ás veces o recitado convértese en canción”.
A traxectoria discográfica de Cinta Adhesiva pódese seguir en https://cintaadhesiva.bandcamp.com que é a súa páxina de referencia e onde se pode escoitar, baixar e comprar todo o conxunto de discos até agora editados polo grupo. Desde o primeiro, editado en outubro do ano 2014, ao segundo, editado en marzo de 2016. Imos agora falar do volume terceiro, editado a finais do ano pasado.
Como nos volumes anteriores, encontrámonos cunha produción sonora de calidade, en que a palabra poética, mesmo que sexa dita, encaixa con precisión pentagrámica. Coma sempre, o traballo musical de Tejada e Múñiz coas súas composicións e arranxos sonoros e musicais.
Trátase dun construír un espazo-tempo sonoro no que a palabra poética amañeza dun xeito natural e propio. E todo isto desde unha posición en que o enunciado dun xeito máis ou menos clásico adquira unha presenza anovadora. Sobre esta característica de ave fénix da palabra poética tense pronunciado a propia Silvia ao comentar “que a poesía ofrece a posibilidade de que o terreo queimado alume, é dicir, que os cascallos, a ruína, as cinzas poden abrir novos camiños, para deixar atrás as cinzas, a ruína, os cascallos. O que procura é dicir algo cando xa foi todo dito”.
Neste terceiro volume, Cinta Adhevisa, preséntanos seis novas pistas sonoras de duración singular e de diferente presenza da palabra. O deserto, O refuxio, As flores, Loita, O final e Pánico son os seus títulos. Algo máis de vinte minutos de produción que sumar aos dous volumes anteriores para construír máis dunha hora de poesía sonora nun proxecto que nunca antes se desenvolvera con tanta precisión en Galicia.
Hai desde logo unha progresión desde o proxecto anterior “Tristecentos versos” e que ten que ver coa reflexión e a práctica desta conxunción de música e poesía. A respecto Silvia Penas ten dito: “Hai poesía marabillosa que non atende ao ritmo ou á música, e o seu cerne está noutro lado: no discurso que propón, na asociación de conceptos, de imaxes. Pode ser estética e prosaica á vez. De calquera modo eu tendo á música interna do texto e o acompañamento musical, como era o caso de “Tristecentos versos”, viste moito os poemas. En “Cintaadhesiva” é diferente, xa que non se trata dun acompañamento, senón de cancións, onde ás veces a voz canta e outras veces recita. Cancións faladas, chámolles eu. Neste sentido o que facemos en “Cintaadhesiva” é máis un concerto poético ca un recital con música”.
Se nos primeiros volumes había unha maior presenza da palabra, de xeito que a súa primacía no resultado final resultaba evidente, neste terceiro volume percibimos unha contención, un maior equilibrio que redunda na lentura con que se escoita, non por iso exento de momentos de maior estrondo ou de maior vigor expresivo.
É esta unha poesía para ser soamente oída? Non o creo. Considero que acaso unha das eivas do proxecto, tal e como até agora se ten desenvolvido, é a ausencia de texto escrito. Mesmo na compra do CD bótase en falta a presenza dun pequeno folleto que conteña os textos, sexan estes poemas, cancións, declaracións en prosa.
Nos contidos asistimos a algo que ten sido o obxecto do discurso de Silvia desde o inicio. Unha visión, por unha banda, épica, e, por outra banda, feminista do arrabaldo vigués, que pode ser a periferia de calquera cidade do mundo na actualidade; o contraste entre o ideal burgués e a realidade; a presenza da ilusión, da vontade, fronte a todos os atrancos. Moi emotivos por veces o fragmentos confesionais, ben propios, ben dos personaxes cos que vai administrando a súa fluencia lírica.
Non podemos rematar esta reseña sen advertir ao lectorado da importancia dos camiños aquí emprendidos e que nos sinalan un horizonte de porvir que ben podería ir derivando en moitos outros sentidos. En calquera caso, unha parte do país que segue viva e combatendo desde resistencia.