Existe unha certa unanimidade na crítica contemporánea en considerar os traballos de Pascale Casanova e Franco Moretti como o inicio dun novo discurso crítico no que entra en debate unha nova fase da comprensión da literatura, unha literatura que agora admitiría ou comezaría a admitir a etiqueta de literatura globalizada.
Como sinala o profesor da Universidade de Pittsbugh, Ignacio M. Sánchez Prado [2006:10] en primeiro lugar cabe considerar as posicións de ambos os dous críticos como o resultado dun proceso autocrítico e de auto-avaliación do desenvolvemento do que se denomina literatura comparada. Quere isto dicir que, a partir da obra destes dous teóricos, entramos nun novo estadio da teorización sobre a literatura, no camiño da súa concepción global, por enriba das variacións locais e as peculiaridades lingüísticas que lle poidan ser propias. A acusación inicial de eurocentrismo vertida por moitos dos críticos do comparatismo, tal sería o caso de Edward Said, segue vixente, na medida en que moitos dos países semiperiféricos produtores de textos de envexable calidade son, ao mesmo tempo, considerados incapaces de xerar a teoría crítica que acompañe eses textos. Estalles permitida a enunciación discursiva das súas ficcións memorables e exemplares mais non a enunciación teórica1. Teríamos daquela textos producidos nunha determinada zona do mundo, Hispano-América, por exemplo, que son postos en valor por outra zona do mundo, Europa, ser irmos máis lonxe. Textos que non son asumidos como grandes obras de arte polo propio país que os produce e que, porén, acadan a súa validación noutros lugares afastados do centro de produción, incapaces de xerar eses textos mais si de disfrutalos como un último producto da súa relación imperial, ou post-imperial, se se preferir o termo. E este sería un novo debate, un novo interrogante ao que lle ir encontrando respostas: son os textos valorables valiosos en si mesmos ou é preciso encontrármoslles unha teoría que os faga valer? Non está esa teoría implícita na recepción dos textos, no simple pracer lector? É preciso que esa teoría se concrete en textos laudatorios ou de encomio para que o texto se encha de valor? Non pode ocorrer que textos cunha extraordinaria bibliografía pasiva sexan ao mesmo tempo textos mortos? E non pode acontecer que o valor dos textos pasivos sobre un texto dado sexan máis valiosos que o propio texto?