Se hai un significante, unha palabra, que teña adquirido máis e máis significados, ao longo dos últimos cento cincuenta anos da lingua e da cultura galegas, ata converterse nunha pura exhalación, esa palabra é Rosalía. Muller inquieta e inquietante a un tempo, percorreu a súa idade coa ousadía dos xenios e soubo estar alerta a todas as alarmas, a todos os sinais que daban conta dun tempo novo, un tempo que ela soubo prever, visionaria, máis libre, máis galego, máis de muller.
É nestas coordenadas da historia do propio país e da historia do desenvolvemento dun dos seus símbolos onde xorden obras que procuran dar conta deste enigma, como o son todas as marcas e meladuras que deixaron o seu signo sobre o corpo do país. E velaí o libro de M. X. Queizán Rosalía de Castro e o poder sexual.
Sitúase no ano 1985 o comezo dunha nova perspectiva na recepción da obra de Rosalía, a través da publicación da revista A Festa da Palabra Silenciada e o Congreso Internacional que se celebra nese mesmo ano. Foi nesa revista fundamentalmente onde MXQ realiza], durante anos, o seu diálogo con Rosalía.
O libro preséntasenos, pois, como unha miscelánea de textos diversos que comprende artigos, comentarios de poemas, relatos e poemas, mais sempre con Rosalía como obxecto de reflexión, de elexía, de ficción. Toda unha vida, parece dicirnos a autora, á sombra fértil da que foi fundadora das nosas letras contemporáneas. Dentro dos ensaios sobresae o primeiro e que dá título ao volume “Rosalía e o poder sexual”. Comparte a autora a idea de Kathleen March de que a opresion da muller é o tema único de Rosalía e de que o enfoca desde a perspectiva feminista máis avanzada politicamente. A figura de Murguía e a súa influencia sobre a existencia de Rosalía e, aínda alén diso, sobre a posteridade do seu legado e da súa memoria suscita as evidencias da numerosas probas que contradín a visión murguiana dunha muller triste e desencantada. Hai dous aspectos que convén salientar: o feito de que Rosalía non quixese perder a súa marca de xénero como autora, ao igual [o mesmo] que todas as galegas escritoras importantes da súa época, como Emilia Pardo Bazán e Concepción Arenal, e o completo desleixo con que se desentendeu dunha das teimas histórico-literarias do seu home, o celtismo.
Salienta, ademais, a autora que foi a partir de 1985, ano da publicación do primeiro dos volumes da revista Festa da Palabra Silenciada e da celebración do primeiro Congreso Internacional sobre Rosalía de Castro, [xa o dixeches arriba] cando irrompe da perspectiva feminina como unha perspectiva ineludible para afrontar a súa lectura. O esgotamento das anteriores vías analíticas, que tan celebrados resultados deran nos ensaios de Carballo Calero, García-Sabell, Fernández de la Vega, Dámaso Alonso, Bouza-Brey, acelera a mudanza de paradigma. E Rosalía parece estar reclamando este novo modelo de análise de interpretación desde a noite dos tempos. O feminismo canxa como un anel no dedo de tan alta poeta e permite achegarnos máis ao fondo do seu percorrido vital e creativo.
Dialoga a autora, ademais, coa crítica americana Susan Kirkpatrick da que toma a idea de que o patriarcado pouco variou desde o tempo de Rosalía, o que equivale a dicir que tamén variou pouco a subxectividade feminina en relación co desexo conformado polo patriarcado. Establece a americana dous rangos: o persoal e o político. E pasa a ollada por dous textos representativos: o poema “Un repoludo gaiteiro” e o “Conto Gallego”.
A experiencia da decepción amorosa centra o segundo dos breves ensaios “O amor na obra poética de Rosalía” no que se conclúe que se as mulleres pola educación que reciben, pola obediencia ao sistema patriarcal, están privadas da capacidade de actuación consciente e sumidas no maior grao de alienación posible, Rosalía, pola contra, rebélase e toma a xustiza pola man.
Estúdase, a seguir, a persecución de Rosalía no seu tempo. Pártese do rexeitamento á dimensión pública da escritora e as críticas machistas a unha muller que abandona o papel tradicional. Daquelas que cantan as pombas e as flores. A perseguizón en Lugo de Rosalía polos círculos máis reaccionarios da cidade, as acusacións de Vicetto, inimigo de Murguía, contra ela, e as consecuencias da publicación no 1881 dunha serie de artigos baixo o epígrafe de Costumbres Gallegas nos que se gababa a hospitalidade das xentes do país, que a levan a renegar de volver a escribir nunca máis en lingua galega. Salienta, porén, a figura de Manuel Curros Enriquez, autor do excepcional poema “A Rosalía”. Carme Blanco, Elvira Souto e Kathleen Marcha guían a autora no seu percorrido. Será esta última, autora do libro De musa a literata, a que guíe a MXQ no seguinte dos artigos, unha reseña de lectura en que se analiza a importancia da escrita feminina como factor de resistencia.
Completan o conxunto de ensaios un interesante artigo sobre “O suicidio na poesía de Rosalía de Castro” e unha análise da “Consideración de Rosalía de Castro a través do tempo” así como un breve discurso sobre o papel de Rosalía como precursora das narradoras galegas actuais
Hai, tamén, unha lectura detallada, verso a verso, de “A Xustiza pola Man”, entre a análise e a interpretación e que sería un excelente punto de partida para un ensaio máis longo, detallado, que fose aos numerosos pormenores que esixe a figura de Rosalía. Seguen, finalmente, un conxunto de poemas e relatos en que se gaba ou se menciona a figura da poeta de Padrón.