Oh deusa que veneras
Do humano unha fortuna singular
E loas as austeras
Urdimes do tear,
As ondas con que achegas o teu mar.
Escoita, oh poderosa
Pantasma que apareces na memoria,
A música fermosa
Que verte pola historia
O sangue dunha chaga de oratoria.
Oh lirio do delirio,
Oh flor dos extasiados arrebatos,
Oh lirio do martirio,
Cesura dos hiatos,
Oh lámpada que verte nos regatos.
Ti, cérvida deidade,
Cuadrúpeda dos templos en que imploro
Da mística soidade
O fin do triste choro,
O cabo dunha idade que deploro.
Oh lúdica paixón,
Oh éxtase do corpo a gorentar
As lúas da emoción,
A lúa sobre o mar,
O tempo sobre o tempo a devalar.
Oh grandes carballeiras
Oh viñas de albariño e treixadura
Oh bosques de maceiras
E sombras da espesura,
Levádeme no voo desta procura.
Descargar libro enteiro
A mácula feroz da fermosura en formato pdf
A mácula feroz da fermosura en forma epub