Presentación da camiñante

Eu son a que pertence

Á noite que amañece na distancia

Na lingua na que vence

O fume da fragancia

Do corpo desprendido de substancia.

 

Eu son a falecida,

Aquela que durmía nas cancelas,

A música perdida

No brillo das estrelas,

Nas páxinas en branco das novelas.

 

Eu son a fuxidía,

A errante sen proxecto nin destino,

A escura e mais a umbría,

A cega diamantina,

A harpista que interpreta vespertina.

 

Eu son a que chegou

Nos meses en que os fríos acababan

E cansa contemplou

Que os tempos devalaban

E as neves para os ríos camiñaban.

 

Eu son a consumida,

Errante polas praias, libertina,

A vella devecida,

A antiga peregrina,

Ruína da fatiga, clandestina.

 

Eu son a que non é,

A sombra dunha música perdida,

Bisneta de Noé,

O vello parricida,

Aquela que deixou a propia vida.

 

Descargar libro enteiro

A mácula feroz da fermosura en formato pdf

A mácula feroz da fermosura en forma epub

 

41373660742_e2883020c9_o