Introibo ad altarem dei

Gocémonos, pastora.

Que o tempo que nos deu a eternidade

Culmine nesta hora

De amor e de soidade

Na lámpada que acende a humanidade.

 

Que sexan estes prados

De luces e presenzas vespertinas

Un eco dos noivados

Das noivas peregrinas,

Das noivas namoradas femininas.

 

Que erixan estas flores

Regadas pola sombra da beleza

O brillo dos amores

Da nobre natureza,

Do tempo que nos enche de certeza.

 

E nós como nosoutras

Ao cabo percorramos o camiño.

Vistamos roupas outras

De sirgo e mais de liño,

Brancuras enlamadas polo viño.

 

Oh dama que me aturas,

Oh risco das palabras que me vencen,

Feridas que suturas

E chagas que pertencen,

No roce dos cabelos que se aquencen.

 

Oh noiva namorada,

Oh flor de antigos, murchos ecos,

Xanela acristalada

No cuarto dos bonecos,

Bohemia como o canto dos metecos.

 

Amor que te apresuras

Nas horas inclinadas pola tarde

Á sombra das figuras

De costas ao que arde,

Amor do tempo lento e do covarde.

 

Con raios te acariño

Dun sol de primavera preguiceiro

Nas gándaras do Miño

Que afasta o neboeiro

E perdes as brancuras de xaneiro.

 

No limite da boca

Sinalo a ponte escura da fronteira

E sinto que che toca

Na alma unha cerdeira,

O lóstrego de luz da laranxeira.

 

Condúceme, canción,

No rumbo destas sombras derretidas

Camiño doutro son.

Regresos e partidas

Na cura para as chagas e as feridas.

 

Descargar libro enteiro

A mácula feroz da fermosura en formato pdf

A mácula feroz da fermosura en forma epub

 

27546890278_3619844ce9_o