Algunhas respostas

O mundo está deitado

Sen cólicos nin dor a súa presenza

E asiste ensimesmado

Á túrbida pertenza

De sombras que difunden diferenza.

 

Hai horas que esta nena

De flores e cabelos abraiados

Afasta a miña pena

Dos soños usurpados,

Separa dos meus días tristes fados.

 

E é por estes anos

De intensa claridade e de fortuna

Que sabe dos enganos

Da fama e da tribuna,

Falaz como a mentira e importuna.

 

E é tamén aí,

No ciclo dunha heroica mocidade,

Que sabe do alibí

Da grata austeridade,

Da cura do silencio e a soidade.

 

Son moitas as preguntas

E moitos os achados das súas flores

E moitas as defuntas

Palabras sen honores

Que foron para a artesa dos horrores.

 

Mais brillan sobre todas,

Dispostas como enseña dos seus días,

Preguntas de rapsodas,

Alegres melodías,

Cancións como remotas herexías.

 

Descargar libro enteiro

A mácula feroz da fermosura en formato pdf

A mácula feroz da fermosura en forma epub

 

40522738675_c383f6de59_o