Suite da pastora II

E déixame contigo,

Deitada nesta sesta sen final,

Calar do que maldigo

Na hora cenital,

Á espera de que á noite cale mal.

 

Que son estes momentos

Formados polas sombras dos ocasos

O tempo dos adventos,

Ruína dos fracasos,

Espectros que preceden os meus pasos.

 

Que son estes amores

Sentidos na epiderme do teu peito

Espello dos ardores

Do afán e do proveito,

Amores de dereito e de barbeito.

 

Que son na sombra túa

Espectro que amañece á miña beira

Espellos para a lúa,

Estrelas da fronteira,

Relampo adormecido da canseira.

 

E lévame contigo,

Caída pola torre do pescozo,

Amparo e mais abrigo

Do soño e do alborozo,

Dos dedos con que toco e con que rozo.

 

Que sexan estas herbas

Medrando polas gándaras vacías

E pasto para as cervas

Tamén as melodías

Dos ollos percorrendo estas umbrías.

 

Oh déixame abrazar,

Columna misteriosa do intestino,

No límite do mar

O corpo peregrino,

O corpo camiñando no divino.

 

Non deixes pra despois

Da noite solitaria e indolente

Virar nos xirasois

O corpo de serpente,

De saurio a escorregar pola corrente.

 

Que eu amo ese fluír,

A longa e delicada transparencia,

Dos brazos a fuxir

Das sombras e da ausencia,

Bandeiras para erguer na resistencia.

 

Que eu bailo nesa danza

De luz da cabeleira que se inclina

E asoma na lembranza

Das horas, na ruína

Das máquinas e arames da turbina.

 

Percorre no salón

O voo do teu ballet polos espellos

E deixa o acordeón

Arfar nos seus trebellos,

O modo de chorar dos aparellos.

 

E sé como esta hora

Tan libre como libre a madrugada;

Non temas a demora

Da noite ilimitada,

Da noite a madrugar pola alborada.

 

Descargar libro enteiro

A mácula feroz da fermosura en formato pdf

A mácula feroz da fermosura en forma epub

 

41586211481_c2797b9e7d_o