Pastoral

ANDAR polos camiños do mundo sen máis rumbo
Que o simple percorrer distancias, procurar
Lugares, ríos, pontes, ermidas nas alturas.
Caer por unha vía seguindo unha derrota
De fentos, de enxurradas, o mesmo que un pastor.
Seguir do gando o paso, penedos entre xestas,
E ser na longa noite, gardado polos cans,
Sublime soidade dos matos, dos outeiros.
Vagar como quen segue o brillo dunha estrela.
Quecer nunha fogueira austeros bebedizos,
Libar de cando en cando o mel dalgún licor
E non obter de humanos máis trato que o silencio
Errante como un leve paxaro que emigrase
Fuxindo do seu fado, xa libre do destino.