Feliz quen derrubado no límite outonizo
Do curso da súa idade contempla o devalar
Dos tempos e a ruína de torres e palacios.
Pois nada máis ingrato que non ollar caer
Nas horas de crepúsculo e noitiña
Aqueles poderíos que os días asombraron
E velos, pola contra, erguidos, xubilosos,
Abríndolle cancelas ás novas xeracións,
Seguros de poder guiar as novas xentes
Por ríos e camiños de insólita arroiada.
Feliz aquel que enxerga os altos baluartes
Fendidos por un lóstrego de lume
E así contempla a noite enchida por incendios
E rúas e avenidas e prazas e alamedas
Sumidas na confusa poeira dos destrozos.
Molestos incidentes, roturas, barricadas,
Disturbios e carreiras, insomne griterío,
Abaten os poderes daquela engalanados
E así como os outrora tiránicos derruban
As piras e atalaias da súa fe
Tamén as novas hordas erixen sen querelo
Os cánones morais das épocas vindeiras.