Círculos de sombra

Xa todo aconteceu. O tempo está detido.

Aquilo que esperaba non sei por que razón,

as épicas da vida, as glorias da existencia,

vocábulos que os ventos roubaran nalgún pozo

prendidos a unha lámpada, 

ficaron estragados, en cinza a derramarse. 

Só queda o que roubei ás brétemas do ocaso.

O premio da memoria. 

O peso do tormento. 

Un fío de augas limpas nos círculos da sombra.