Carta a Sara Jess

Oh Sara, ti, abraiada, na lámpada das horas:

que ben que agora teñas proxectos de viaxe,
que inunden os teus soños escenas do porvir,
erráticas xornadas por terras sen destino,
solpores doutros mares, menceres doutros ríos.

Tamén noutros momentos da vida que xa esbara
eu fun un bardo vago e músico de rúa,
e andei por terras altas, distintas entre a néboa,
tecendo entre os meus dedos os fíos da existencia,
o instante en que, inda novo, un pode decidir
camiños nos cruceiros e rumbos nas estradas.

Andei aquelas rúas, sentei naquelas prazas,
fumei cada cigarro que tiña que fumar,
e souben que se ía o tempo neses días,
e tiven non sei que nostalxia de estar vivo,
acaso un sentimento sublime de esplendor
que segue fiel a min e nunca me abandona.

Eu creo que son Ese. Non outro me seduce.
Mais sendo acaso Ese tamén son moitos outros,
pois Ser non pode ser inmóbil, estantío,
senón puro devir.

Así que sigo errante a errática ambulancia
dos días e das horas, dos ríos e os outeiros.
Prosigo no que segue, sucedo o que antecede,
e vou de cuarto en cuarto, de música en imaxe,
tronzando os abandonos, soñando esta soidade,
mais certo cada vez de ser o que se perde,
transido polo tempo que deixa luz e néboa,
as portas con xiada, os vidros abafados.