O importante deste home
é que non ten importancia,
que sabe que non sabe onde está
e que precisa algures para ir.
De onde chegas, forasteiro?
De lonxe.

O importante deste home
é que non ten importancia,
que sabe que non sabe onde está
e que precisa algures para ir.
De onde chegas, forasteiro?
De lonxe.
Unha idea manifesto. Non a esquezas.
O concepto é o tempo da cousa.
Foi Hegel quen o dixo. E eu subscribo.
Mais hai unha aporía: nihil.
Porque se toda palabra é signo
e o signo é sempre signo dunha cousa
a palabra nihil só pode ser signo de loucura
se nada ten que trasladar.
Daquela nihil existe porque debe haber algo.
Algo que sexa nada.
Así que nada é ausencia ou é baleiro.
O presente do ausente.
A presenza da ausencia.
Porque a ausencia do ausente é presente.
Porque a presenza do presente non é ausente.
I
– Mais où sont le neiges d´antan? – preguntou ela.
-No sepulcro, no hospital, no matrimonio- foron as respostas.
II
Ela fora imperatriz dos imperios afundidos.
Dispersara os trobadores e, da corte itinerante,
non gardaba máis que un fume,
un perfume, un arrecendo.
Moitas noites confundía Siberia con Iberia
e a Galiza de Breogán coa Galitzia polaca.
Apeárase unha tarde do Orient Express á altura de Barbantes
e preguntara por un tal Manuel Antonio
que seica aínda lle enviaba postais e telegramas
tristes, loucos, inspirados,
dos imperios afundidos,
dos trobadores,
da corte itinerante.
III
Onde vai esa muller
de pernas brancas como o leite
seguindo a liña longa de tintas orientais
de árbores caducas,
tellados que decrecen suspensivos
e luces que sinalan no pathos da distancia
a sombra do lugar,
a luz do tempo exacto,
perderse no solpor do labirinto,
figos, mandarinas, améndoas e mazás,
requeixos desa cor das pernas da muller,
aínda débil e flemática,
a néboa neses ollos que hai pouco coñeceran
os ecos do trotar,
os ecos dos cabalos,
os ecos do trotar dos cabalos da morte.
IV
Quen che ensinou, melancolía,
a habitar os vellos pazos en silencio,
sen nada que facer,
e esperar a flor de outono, o pensamento,
as zinnias e as hortensias,
a dalia, o crisantemo,
como alguén que segue fiel a amantes que partiron
e nunca lle enviaron
noticia do outro mundo,
epístolas manchadas co perfume
da flor da laranxeira.