Trazos

Eses trazos erixidos contra a luz do entardecer, como letras de alfabetos olvidados, son marcas de escrituras, rexistros dun aceno de man que procuran un aquel de ortografía, marcas, liñas e sinais sobre a néboa do mundo que rodean un solpor que se resiste, heroico e moribundo perante as sombras que se achegan. Son manchas e borranchos, tiznes e carbóns que os ventos irisaron, a anotaren a distancia na distancia, estilemas dun autor sen autoría, caracteres da sublime exposición.

Serrapio

De coñeceren SERRAPIO M. Antonioni, R. Rossellini ou L. Visconti, teríano empregado como escenario nalgún dos seus primeiros filmes neorrealistas. Xoia da contrarreforma en Galicia debeu ser lugar de vida acomodada alá polos meados do S. XVIII. Elevación e soidade, no silencio da Terra de Montes. Cando haxa un goberno de Galicia, e non un goberno en Galicia, unha Consellería de Turismo debería recuperar todas estas xoias do val do Lérez. Non deixen de visitalo. SERRAPIO.

Velaí

Nacín no habitación contigua a aquela desde onde está tirada esta foto. E unha paisaxe semellante a esta debeu ser das primeiras que me foi dado ver. E digo ver porque a visión é unha operación biolóxica mentres a mirada é un acto plenamente desprendido da historia. Así que esta fotografía, tomada e revelada hai uns poucos días, non é só vista ou visión senón ollada plena, contemplación. Estamos no mencer, no amañecer, no primeiro lumbrigar do día, antes das oito da mañá, que é tamén o amencer da miña vida. O ceo aínda ten unha pátina do escuro da noite que un sol novo do trinque non é quen de aclarar. As árbores que asoman polo fondo, e que percorren toda a extensión cara á dereita, son salgueiros e bidueiros que acompañan a preguiza do río. E hai un ritmo lento, de ciclo planetario, que permite debuxar as contornas das cousas. 
Vemos o que acontece mais miramos o que, ollándonos, nos conquista e determina. 
Velaí.