Nacín no habitación contigua a aquela desde onde está tirada esta foto. E unha paisaxe semellante a esta debeu ser das primeiras que me foi dado ver. E digo ver porque a visión é unha operación biolóxica mentres a mirada é un acto plenamente desprendido da historia. Así que esta fotografía, tomada e revelada hai uns poucos días, non é só vista ou visión senón ollada plena, contemplación. Estamos no mencer, no amañecer, no primeiro lumbrigar do día, antes das oito da mañá, que é tamén o amencer da miña vida. O ceo aínda ten unha pátina do escuro da noite que un sol novo do trinque non é quen de aclarar. As árbores que asoman polo fondo, e que percorren toda a extensión cara á dereita, son salgueiros e bidueiros que acompañan a preguiza do río. E hai un ritmo lento, de ciclo planetario, que permite debuxar as contornas das cousas.
Vemos o que acontece mais miramos o que, ollándonos, nos conquista e determina.
Velaí.
