Clinamen

Existe un predominio do clitamolóxico nas fotos que tomo. Ceos e nubes ocupan con frecuencia un lugar de revelo. É a miña maneira de mostrarlle á máquina a irrelevancia da suposta superioridade tecnolóxica. Por moito que te aplaudan, dígolle, nada perdura. Ti mesma estás destinada a ser, como moito, un obxecto da historia, se consegues superar o esquecemento. En relación con isto están as casas en ruína, outro dos meus temas predilectos. A beleza do desastre e a desfeita, tema neoclásico, que antecipa xa o romantismo que se achega. E levo tempo traballando sobre a hipótese de que foron os ceos representados e as tormentas (Sturm und Drang, tormenta e arrebato) os que remataron por converter o neoclásico en romántico. Se o edificio, racional e meditado, aposta pola duración e a permanencia, a tormenta é o signo do arrebato e a continxencia. A ruína é só a expresión do “clinamen” do que falaban Epicuro e Lucrecio. A loita que predomina na loita de clases de Marx. Porque é a loita quen fai as clases e non as clases as que fan a loita, como ben explicou Althusser.