O sentido

Outro dos meus temas é o contraste entre o infinito e o determinado. O infinito do negro e do branco. O determinado das cores intermedias. O infinito do camiño de ferro. O determinado da ruína da estación do gardavías, aínda erecta como signo de tempos evadidos. 

E hai un goce no mirar porque o sentido é goce, xa que os humanos debemos encontrar sempre un sentido á visión. Un goce de sentido tan poderoso que somos quen de ollar sen ver, como acontece na lectura, na ficción, no soño, na cegueira, na ideoloxía. 

A mirada fotográfica como suma do goce e da visión. 

Porque mirar tamén é ver gozando na visión, engandíndolle sentido ao que vemos. 

Eses fíos que perseguen as vías antecipan a chegada do tren e transmiten ordes que activan as barreiras. Os fíos son visibles mais as ordes xa pertencen ao invisible. E velaí o rango superior da fotosofía: mirar o invisible. 

Como escribín nunha ocasión: O tempo é invisible mais pode ser mirado. Unha historia non é máis que tempo, invisible, mirado.