Cales son as relacións da fotografía co tempo? Dos tres deuses gregos do tempo, Chronos, Aión e Kairós, o tempo mensurable, a eternidade e a ocasión, é Kairós quen mantén unha relación máis estreita co fotograma. De feito, un dos sinónimos básicos de foto é instantánea, como se a foto fose, necesariamente, produto dun momento, algo ligado por forza ao xenio do arrouto e do arrebato. A foto como resultado da luz dun instante. Cartier-Bresson acuñou o concepto de “instante decisivo” para un modelo de fotografía baseado na ocasión que imperou durante boa parte do século XX. Hegel falaba, antes da fotografía, da arte como presenza do infinito no finito, de Aión en Kairós. O propio concepto fotográfico de tempo de exposición parece contribuír á hexemonía desta idea. Mais non ten por que ser así.
Moitos dos teléfonos móbiles actuais ofrecen, entre as súas prestacións fotográficas, a opción de panorámica, unha técnica combinada (óptica e cibernética) de arrastre da imaxe que precisa dun obxecto estático (ou non) que se deixe acariñar pola visión do obxectivo. O resultado, porén, resulta aporético: a parte esquerda da foto foi tomada nun momento diferente que a dereita. E estes poucos segundos de diferenza poden facilmente aumentar coas técnicas do photomerge e convertérense en minutos, horas…
A foto abandonando o instante e procurando a eternidade.
