Come, healing

Dicía Nietzsche que o criminal é un humano forte que enfermou. Fáltalle a selva virxe, unha forma de existir máis libre e perigosa na que sexa legal todo o que no instinto do humano forte é arma de ataque e de defensa. As súas virtudes foron castradas pola sociedade. E é na nosa sociedade, domesticada, mediocre, onde un home vindo da natureza, chegado das montañas ou das aventuras do mar dexenera necesariamente en criminal. 
A catarse de Aristóteles, como purgación dos afectos e purificación do espanto e a compaixón, conduce a Freud á identificación do espectador coa acción dramática e a produción de alivio. A arte recoñécenos como doentes e restablécenos, sándanos, recupéranos. 
Come, healing of the body; come, healing of the mind, dicía Leonard Cohen nunha das súas últimas cancións. 
Vén xa, cura do corpo; achégate, curación do pensamento.