A condición do surfista radica en ser quen de atender ao mesmo tempo a continxencia do vento e das ondas e un proxecto de camiño, de dirección e de sentido. Existe unha dimensión de goce porque hai iun predominio do corpo. A mente está entregada por completo á percepción do temporalmente minúsculo, do instantáneo, e as alertas activadas. O perigo, presente, aínda que en modo lúdico, como se a morte e os seus galgos se prestasen a brincar nesta danza de titáns, de heroes inda na infancia, e admitisen trocar a inmersión no reino das sombras por un mergullo de salitre e frescura. O baño como metáfora do fracaso. Pola contra, o diálogo co vento, o coloquio entre o corpo e o cosmos. A condición do surfista é vivir en miniatura, unha existencia de xoguete, de brinquedo. Das catro variables do humano (existente, sexuado, falante e mortal) só dúas se manteñen (existente e mortal) de xeito que o eu se reprega e entre as ondas asoma o suxeito. Un suxeito que surfea sobre a liña que separa o racional do irracional, o consciente do inconsciente.
