Se a mirada é o que non se ve, o seu enunciado non remite á imaxe senón á palabra. E entramos xa nun dominio de significantes baleiros: mirada, enunciado, imaxe, palabra. Significantes que deberíamos reencher por vermos de pór algo de orde neste suposto caos teórico.
Se a visión procede do ámbito biolóxico e fisiolóxico estudado pola óptica, a mirada radica nun suxeito existente, sexuado, falante e mortal, escindido entre o consciente e o inconsciente e proxectado sobre a historia. A óptica é unha disciplina científica. A semiótica da mirada está emparentada coa filosofía e a estética, coa semántica e a fenomenoloxía, coa psicoanálise e a produción de sentido. A óptica devólvenos valores concretos e fríos, obxectivos. A mirada manifesta a súa continxencia radical, a entropía da súa historicidade. G. Deleuze tentou facer (fixo) unha cronografía da mirada desde o nacemento do cinema. A imaxe-movemento, antes da IIGM, a imaxe-tempo, despois.
A mirada é, por tanto, unha poética. Factoría de sentido.
