O real é unha epifanía continuada. Por iso non cabe na linguaxe. Un milagre sen fin. Un acontecemento. Como escribira L. Wittgenstein no primeiro aforismo do seu Tractatus, o mundo é todo o que acontece. Die Welt is alles, was der Fall ist. Ou, dito doutro xeito, o mundo é o caso. Entendendo o caso como participio do verbo cadere (casus), caer, o que cae, o que se precipita, o que acontece. Algo que, por outra parte, está totalmente integrado na linguaxe. O caso é que… dicimos decote. Por se acaso, entendendo que acaso deriva de ha caso. Por se ha caso. Por se hai acontecemento. Por se sucede. Necesidade, posibilidade, continxencia.
Se o mundo é o que acontece, daquela somos o que nos acontece. E o primeiro que nos acontece é a linguaxe.
Life is a tale told by an idiot, full of sound and fury, signifying nothing, dixera Shakespeare. A vida non é máis que o conto dun parviño, barullento e iracundo, sen nada que dicir.
(Ermida de San Bernabé, Terra de Montes).
