Do erudito e a ruína

Ignoro en que lugares aprendín o amor polas ruínas. Acaso fose en Grecia, visitada cunha certa regularidade ao longo dos anos. Acaso nos museos dos lugares onde andei, apalpando coa mirada non só obras antigas senón tamén recreacións, representacións do xa caído e derrubado.

Acaso nos resquicios e refugallos de todo tempo asome no seu novo sentido contemporáneo a vitalidade da imaxe dialéctica de W. Benjamin cando advertía que unha imaxe proxecta sempre o sentido do tempo en que foi creada mais non pode evitar contaxiarse dos novos sentidos que lle van dando idades sucesivas.

Roma quanta fuit ipsa ruina docet. Todo canto Roma foi as mesmas ruínas mostran. A lección do amor pola ruína está na diferenza entre ruína e lixo, entre resto e excedente. Aí radica unha porción considerable da nosa dignidade histórica.

Non esquezamos que RUERE, en latín, deu RUDUS, de onde rudo, testarudo, rudimento e, curiosamente, ERUDITO (ex-rudus), aquel que deixou de ser rudo pola educación e a cultura.