MOMENTO EPIFÁNICO

Andaba a traballar cun poema excelente de Robert Frost, THE ROAD NOT TAKEN, O Camiño non Elixido, en paralelo cos psalmos de Salomón, sempre unha guía a seguir para os extraviados polos camiños da poesía, e acertei a pasar por SIÓN, Cotovade, Terra de Montes.

Comprenderedes a miña sorpresa e a miña alegría.

Lembrei, ademais, que, na novela de Roberto Bolaño, LOS DETECTIVES SALVAJES, a única mostra da poesía de Cesárea Tinajero que conseguen encontrar é, precisamente, un poema titulado Sión, estraño exemplo de poesía real visceralista. Poema que persegue mostrar, na súa tripla execución gráfica, un barco sobre un mar en calma, un barco sobre un mar movido e un barco nunha tormenta.

Como, grazas a Deus, son ateo, seguín o meu camiño, como Robert Frost, cara a Pontevedra e non tomei o desvío, aínda que ganas non me faltaron.