A ollada é sempre afecto, un ollo que te mira e que te enche de sentido. Mais quen mira toca o que previamente o conquistou: o fantasma.
O amor romántico precisa de dous egos espectrais fusionados no común fantasma. E cada un dos amantes debe interpretar o rol polo que foi mirado e amado. Velaí como eses egos, significantes de suxeitos suxeitados pola enunciación, se fusionan.
Nunha literatura do suxeito, sempre escindido e baleiro, reenchido pola enunciación, non cabe o amor romántico, a non ser como fantasma precipitado no vacío, como ruína e como cinza, refugallo dunha representación que xa tivo lugar. Por iso o amor romántico é unha obra que xa acabou, unha representación á que chegamos tarde.
Nun conto de Cunqueiro, Tristán,un mozo que está a cumprir o servizo militar, encontra a Isolda, unha vella que vende churros en Tordesillas.
– Isolda, son Tristán- dille.
– Tarde chegaches – responde ela.
