Fotografía e barbarie

“As fotografías permiten a posesión imaxinaria dun pasado irreal”, dicía Susan Sontag. A melancolía, dinos a psicanálise, é a dor real por unha perda imaxinaria. O significante da perda do que nunca tivemos. Fotografía e melancolía.

Posamos. Preparámonos para a foto. Ataviamos o fantasma. Interpretámolo.

A selfie. A construción dunha biografía ideal, a representación dun eu ideal, a perduración do mito de que o acto fotográfico certifica unha experiencia, a inxenuidade do evidente.

Mais teño a impresión de que os autores de selfies unicamente ven. Non queren mirar. Fican ancorados no obvio, propio da visión, antes da carga de sentido que funda a mirada. Como se as selfies estivesen feitas na natureza, na óptica, no biolóxico e no fisiolóxico, e non na historia, no local, no epocal, na mirada.

Volvemos á caverna de Platón e o que vemos son sombras de figuras que pasan detrás de nós, proxectadas nas paredes da cova. Precisamos do acto hermenéutico primario: a mirada, como visión ocupada de sentido. A constatación de que todo o que nos toca e nos rodea precisa ser interpretado.

Sen ela, regresamos á barbarie.