Noticia do Alén

Esta é a entrada do Alén, indo desde Framia, ou, alguén dirá, indo desde o Aquén. Non coincide, desde logo, co que se nos foi contando ao longo da historia. Homero, sen irmos máis lonxe, describiu un Alén personalizado, onde cada pecador tiña un castigo acorde co seu pecado. Os cazadores, por exemplo, tiñan que vagar por gándaras sen fin, perseguindo presas imposibles.

Si que se parece, con todo, ao Alén do taoísmo, un mundo semellante a este que permite unha existencia máis duradeira, de moitos centos de anos. O inquietante, neste caso, sería a rotina e a negrura da contorna.

Tamén non hai unha lagoa Estixia que haxa que cruzar nin un can Cerbeiro que custodie unha cancela, inexistente. Nin rastro da mansión onde Caronte descansa fumando o seu cachimbo. Trátase, máis ben, dunha aldea desolada, perdida nos confíns da Terra de Montes, na aba leste da Serra do Cando, e perseguida pola globalización e o neoliberalismo.

Un Alén que se asemella cada vez máis ao noso Aquén, terra da derrota e do fracaso.