DO MIRAR SEN VER

A carga de sentido que o suxeito deposita sobre a visión é tan grande que podemos mirar sen ver. Estamos a ver o mar mais a nosa  mirada sitúase nunha escena da lembranza ou nunha escena construída directamente pola fantasía e o desexo. A nosa mirada executando a súa autonomía fronte á visión. 

O noso mirar sen ver ten cinco direccións posibles: o soño, a ficción, a cegueira, a lectura, a ideoloxía. 

Os cegos miran sen ver, como os soñadores, os ficcionistas, os lectores, como o resto dos humanos ocupados sempre pola ideoloxía, sexan videntes ou invidentes. Cando lemos vemos tinta e papel, mais ollamos o que o fluír de significantes escritos nos vai suxerindo. Nunca aprendemos a ler. Alfabetizámonos sobre un determinado sistema de signos, mais os signos do mundo seguen a ser infinitos. Do mesmo que o real segue a ser inefable. 

Adormecemos con facilidade cando lemos porque a lectura é un estadio intermedio entre a vixilia e o sono. Entón a nosa inconsciencia continúa coa lectura, xa dun xeito surreal e incomprensible que nos forza a espertar para completar os sentidos inauditos e inesperados.

Recoméndovos adormecer lendo poesía e tentar atrapar algúns dos discursos amañecidos durante o soño. Escoitaredes a sinfonía do falar do outro. Pura poesía.