Fado

Novamente o contraste entre o indeterminado e infinito da estrada que se perde pola esquerda cara ao lonxe e o determinado e finito da mansión arruinada. Cando eu era un rapaz, hai máis de cincuenta anos, esta casa aínda vivía o seu tempo de esplendor. Sempre me chamaron a atención os azulexos da fachada do corpo principal, tan discretos no seu añil ocupado polo branco, e o debuxo das xanelas e das varandas de ferro forxado do andar superior, tan modernistas. Mais son os laterais da construción os que, directamente, me fascinan. Primeiro o que fica no fondo, coa galería a ollar para o sur na planta alta e unha porta de garaxe no baixo. E, por fin, o que ocupa a parte dereita da foto. Esa secuencia de ventás orientadas cara ao leste, que farían dos menceres no interior ocasións inesquecibles, e ese mirador cuberto sobre a rúa que induce a imaxinar escenas que acaso aconteceron.Ignoro os pormenores da construción e das familias que a habitaron. Mais, na miña fantasía, sempre foran regresados do Brasil, a principios de século, e unha dama delicada que enfermou a asomar por tras dos vidros cunha tristura nos ollos que soaba como un fado.