Algo nesta foto me conmove. A árbore en primeiro plano asumindo o seu papel protagónico, case seductor, como se estivese dotada de humanidade, a presumir do seu volume ben trazado demandando un abrazo, e a profundidade de campo que deixa entrever unha casa á dereita.
Andamos pola SERRA DO CANDO e a abundancia das construcións arruinadas sobrecolle. Calquera diría que estamos en posguerra, despois dunha guerra que perdemos, e que o país conquistado, convertido en colonia, exhibe sen mesura as cicatrices, agora novas ameazas: o que foi pode volver ser, coidadiño.
A ruína das casas e a ruína do país. A ruína da paisaxe. Somos como un barco de velamio esfarrapado que se afunde. E quen leva os galóns de capitán dispara contra el desde a nave inimiga. A traizón da dereita galega á súa nación viña fervendo desde hai séculos e volveu ferver co franquismo, que non damos curado.
A DESTRUCIÓN NEOLIBERAL DO PARAÍSO VIRÁ EN FORMA DE MINA DE LITIO.
Así que a árbore encarna a duración e a saúde. Contra a mina e a ruína, o que perdura. A nai, a materia, a madeira e a mazá. Catro palabras derivadas de mater.
Como dixera Uxío Novoneira, “irei un día do Courel a Compostela por terra liberada. A forza do noso amor non pode ser inútil”.
