EN DEFENSA DO BRANCO E NEGRO

Un solpor en branco e negro. E unha lúa crecente a pairar no firmamento, para transbordármonos, como Manuel Antonio, a cabotaxe das constelacións. A luz como fatiga da materia que percute na retina.

O feito de os humanos sermos escópico-invocantes, organismos biolóxicos nos que a visión e a audición acadaron un nivel superior, non evita valorarmos o tacto como o principal mecanismo perceptivo. De feito a visión e a audición non son máis que especializacións do tacto para a luz e as ondas acústicas. Por non falarmos do olfato e o gusto.

Así que nun contexto de maior escuro e de silencio, coa percepción reducida, a procura voraz de sentido aliméntase da lembranza e da evocación. E ocupa un espazo moito maior a intelección.

Lembro un profesor que falaba de tres tipos de lectores: os ledores, os lectores e os lexentes. O ledor comprácese na percepción física do libro, o peso do volume, o tamaño, o papel, a tipografía… O lector adéntrase na aventura de encontarlle un sentido ao texto escrito… O lexente (xogo de palabras con intelixente) pregúntase cal é o saber dese discurso.

A foto en branco e negro ten menos ledores e lectores. E moitos máis lexentes.